Espida é unha peza da Compañía Io, compañía especializada na linguaxe do novo circo ou, o que é o mesmo, na exploración das técnicas circenses e a súa adaptación á dialéctica teatral.
Con Espida, a compañía propón unha ollada ao universo do íntimo (especialidade da súa directora, AveLina Pérez) e ás súas contradicións e paradoxos: olladas de fronte, de esguello, ao- e dende o espello. O espello que, neste espectáculo, actúa como superficie reflectante e deformadora da realidade que se pon de diante e, ao tempo, mostra a realidade da deformación interior, coma se o espello puidese mostrar máis alá da superficie, o revoltallo interno dx quen se mira. O paradoxo é que, vendo un reflexo deformado dun/ha mesmx, podemos ver mellor a realidade que agocha trala súa pel.
A pel é outra das linguaxes que se nos mostran neste espectáculo. Non en van Io, en italiano, é Eu e poucas cousas hai na vida que definan tanto o eu como a propia pel. Neste senso, Io non ten reparo en mostrar a súa pel e arrastrala polo chan, forzala, tensala, extenuala. O corpo como ferramenta de expresión dramática no baile, no xogo, na loita, no transo, na beleza. O corpo como achega ao público a través da indecencia do noso ollar. O corpo como elemento que se mostra e que agocha os nosos segredos, que xoga ao equilibrio nos límites do imposible. Que se abre e se pecha, se encolle e estira, se agocha e se exhibe, nun ir e vir de polaridades que, malia que semellen irreconciliábeis, atopan conexión e coherencia na escena.
Cunha morea multifocal, onde x espectador/a ten que decidir a onde botar a súa ollada, onde nos toca decidir que observar, como expertxs voyeurs, o espectáculo mostra tamén o segredo da identidade: a loita dos sexos e cos sexos, o clixé no que nos apreixamos, o esforzo pola propia identidade e a pantasma que a devora, o xogo de vestiario no que nos podemos agochar ou co que podemos máis presentar a nosa realidade.
A non perder.