Que é ser normal? Que escondemos cando dicimos que somos normais, que todo é normal? En moitas ocasións, agochamos o que suporía a nosa “anormalidade” social para adoptarmos comportamentos e accións repetitivas, compulsivas e frenéticas con que ocupamos as nosas rutinas, e que se entende que son o normal (aínda que se as miramos de preto, perdan unha gran parte da súa lóxica). Dámoslle unha importancia moi grande á roupa que usamos para abrigar e ocultar, mais tamén resaltar o noso corpo, e, en moitos casos, adaptámonos a aquelas prendas que se supón que debemos vestir segundo o noso sexo (e tamén a nosa idade).

Pero que pasa cando decidimos romper co que se espera de nós, das nosas vidas, dos nosos corpos? Espida, a última peza da Compañía IO, que se estreou o pasado 6 de febreiro na sala Ártika, en Vigo, reflexiona sobre todo isto, e nela os corpos circenses de Beatriz Rubio, Álvaro Reboredo “Fitinho” e Alfredo Pérez Muíño exploran novas áreas de acción escénica arredor de todas esas cuestións.
Exhíbense, dubidan, frústranse, amólanse, encóntranse, rebélanse ante o que se espera deles.

Experimentan coa roupa e coa ausencia dela para xogar e rachar co que se supón que é ser un “home normal”, ser unha “muller normal”, con como debemos querer e como nos deben querer; para seren só corpos que danzan, que na nudez ou no xogo coa roupa acaban achegándose, apertándose.

Na peza xéranse imaxes moi fermosas, de efectos visuais dos corpos nos reflexos dos espellos que forman parte do espazo escénico e se van movendo a medida que este se deconstrúe e que aluden a eses marcos continuos que lle poñemos ao corpo (nos espellos, nas pantallas, no pensamento binario…), e de impoñentes equilibrios. Hai tamén simpáticos gags, que resultan moi reveladores sobre o comportamento humano.

A palabra, aquí amplificada ou en off, aparece cunha vontade de buscar manipular a realidade, o que é, o que ten que ser, o que debe ser, pero, mediante a repetición continuada, fragmentada, distorta e en contraste co resto de accións escénicas, vólvese aínda máis absurda; isto é algo que Avelina Pérez consegue sempre con especial mestría. Pero Espida ten un pouso positivo, esperanzador, en que as ganas de xogar, de rachar coa normalidade, de soñar e de enfrontarse ao cotián dun xeito diferente constrúen novos camiños.